Sunday 05 de May de 2024

A Xunta achega 7,2M€ á Universidade da Coruña para reforzar os procesos de dixitalización e I+D+i


― O conselleiro Román Rodríguez e o reitor da UDC, Julio Abalde, asinan un convenio de 2,8M€ para accións de innovación e renovación tecnolóxica, aos que se sumarán outros 4,4M€ que aprobará o Consello da Xunta a vindeira semana

― O titular de Educación subliña que esta inxección económica é unha proba máis do compromiso do Goberno coa modernización do sistema público e a calidade da formación universitaria en Galicia

― Lembra que desde o primeiro momento se habilitaron recursos adicionais para facer fronte á pandemia e agora toca “transformar a crise sanitaria nunha oportunidade para consolidar os cambios implementados neste curso”

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e mailo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, veñen de asinar un convenio a través do cal o Goberno galego destina un total de 2,8M€ á institución universitaria para reforzar medidas específicas en materia de dixitalización, innovación e renovación tecnolóxica e de infraestruturas e continuar así coa adaptación ao novo escenario xurdido a raíz da pandemia.

O conselleiro Román Rodríguez subliñou que a crise sanitaria derivada da covid-19 “debe ser unha oportunidade para consolidar os cambios que se viron acelerados neste curso excepcional, e que son imprescindibles para manter a calidade académica e de investigación”.

Neste senso avanzou que a maiores do acordo formalizado hoxe, a próxima semana está previsto que o Consello da Xunta aprobe outra dotación de 4,4M€ para o desenvolvemento de accións de I+D+i por parte da UDC, polo que a contía total para o vindeiro curso se eleva a 7,2M€.

Román Rodríguez subliñou que estas partidas orzamentarias enmárcanse dentro do compromiso da Xunta de Galicia coa modernización e a excelencia do sistema universitario público galego, que redunda directamente na formación dos universitarios.

Tamén aproveitou para destacar o “esforzo” e o “espírito de colaboración” dos responsables universitarios durante este curso “complicado” e que se foi desenvolvendo “coa máxima normalidade grazas a que entre todos fomos quen de actuar con previsión e anticipándonos aos acontecementos”.

A este respecto lembrou que xa desde o inicio de curso a Consellería aprobou unha transferencia extraordinaria de 3M€ ás universidades para compensar os gastos de adaptación á covid-19, que se viron reforzados con outros 10,9M€ de fondos adicionais.

Accións ao abeiro do convenio
Ao abeiro do convenio asinado hoxe, a UDC poderá poñer en marcha accións englobadas no ámbito da innovación a través de iniciativas concretas para a renovación tecnolóxica (licenzas, ciberseguridade…), a formación en competencias dixitais e o impulso da administración electrónica.

No ámbito da dixitalización, a Universidade poderá implantar melloras na contorna dixital para a docencia e a dixitalización da xestión académica. Trátase de mellorar a potencia dos sistemas de videoconferencia, as prestacións do traballo colaborativo e asegurar a conectividade de todos os usuarios. Tamén se inclúe o mantemento dos equipos informáticos, equipos e software.

En canto ás infraestruturas, búscase aplicar unha serie de melloras como potenciar a ventilación, acondicionamento ou reformas de espazos, accesibilidade, seguridade, saúde e prevención de riscos. Así mesmo, a UDC poderá implantar tamén iniciativas que busquen a mellora da eficiencia enerxética a través de reformas parciais ou integrais de edificios como centros de ensino ou de investigación.